Um grande poeta islandês é galego
O poeta cangués que triunfa en Islandia
O XII Premio de Poesía Afundación xa está en poder de Elías Portela, o autor de «Bazar de traidores»
28 de maio de 2015. Actualizado ás 17:09 h.
1
1) O XII Premio de Poesía Afundación xa está en poder de Elías Portela, o autor de Bazar de traidores. A sede de Afundación acolleu o acto no que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez, o presidente do Centro Pen Galicia, Luís Tosar González, e Óscar Villar, patrón de Afundación. Bazar de traidores, presentada baixo o lema Vaca Insepulta, foi escollida entre os 37 orixinais que concursaron por un xurado que valorou a innovación das imaxes e da estrutura da obra, a mestura dos rexistros culto e popular e a capacidade da crítica vitalista acompañada dun notable sentido do humor. «O poeta actualiza o legado da vangarda histórica de Manuel Antonio usando unha linguaxe expresiva dun contexto contemporáneo, cosmopolita e, á vez, inserido nunha forte identidade persoal», dicía a acta do xurado. Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981) é un poeta e tradutor en galego, español e islandés, lingua na que publica baixo o pseudónimo de Elías Knörr. A súa traxectoria en islandés comeza baixo o anonimato que crea co seu pseudónimo. En outubro de 2010, publica Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum aínda baixo pseudónimo na editorial Stella, aínda que o 24 de novembro dese mesmo ano, a editorial fai pública a súa identidade despois dunha excelente acollida por parte da crítica. Paralelamente á creación literaria, Portela traduciu varias obras da literatura islandesa actual: as novelas Skugga-baldur, de Sjón e Anxos do universo, de Einar Már Gudmundsson, obras polas que os seus autores recibiron o Premio Literario do Concilio Nórdico en 2005 e 1995 respectivamente .